Carnes, peixes e ovos

carne_ovos

Estes alimentos son unha fonte importante de proteínas de alta calidade, cuxa función é fundamentalmente estrutural. Tamén nos achegan vitaminas e minerais. É moi importante consumir na dieta tanto alimentos de orixe vexetal como animal, xa que estes proporciónannos proteínas de elevado valor biolóxico (de superior calidade que as vexetais), ademais de vitamina B12, a cal non está presente nos alimentos vexetais e que é imprescindible na formación dos glóbulos vermellos.

Por outra banda, non hai que abusar dos alimentos de orixe animal, xa que un abuso pode levar a problemas de saúde como aumento do colesterol, polo que hai que consumilos na súa xusta medida. Preferiremos peixes, ovos e carnes magras fronte a carnes graxas e embutidos, dos cales non debemos abusar.

Os peixes, especialmente os azuis, son moi ricos en ácidos graxos poli-insaturados Omega-3, esenciais na nosa alimentación xa que o noso organismo non pode producilos, por tanto debemos inxerilos na dieta. O consumo de peixe é moi importante e máis aínda durante o crecemento, xa que achega iodo, imprescindible no desenvolvemento e bo funcionamento do cerebro e sistema nervioso.

Contidos elaborados por Eugenia Pena Fernández, licenciada en Farmacia, Máster en Medicina Natural e Experta na elaboración de Dietas e Dietoterapia.

logo_farmavida

FARMAVIDA (As Pontes)